Monday 29 de April de 2024

O Concello de Boqueixón apoia a solicitude da Asociación Cultural da Filloa para que a Festa da Filloa de Lestedo sexa declarada como Festa de Interese Turístico Nacional


O Pleno aproba a Conta Xeral de 2022 que recolle “unha situación saneada e positiva cun resultado orzamentario positivo de 488.038 euros, un remanente de tesourería de 2.195.900 euros e unha débeda bancaria cero”, detallou o concelleiro de Facenda

O Pleno do Concello de Boqueixón, reunido de forma extraordinaria na noite de onte venres, apoiou por unanimidade a solicitude da Asociación Cultural da Filloa para que a Festa da Filloa de Lestedo sexa declarada como Festa de Interese Turístico Nacional. “Estamos seguros de que a Festa da Filloa de Lestedo cumpre cos requisitos necesarios para ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional e que así queda acreditado na documentación técnica presentada, que amosa unha vez máis o gran traballo tanto da Asociación como dos veciños e veciñas de Lestedo”, asegurou o alcalde, Ovidio Rodeiro.

Deste xeito, a Asociación Cultural da Filloa sumará este apoio plenario a toda a documentación recollida nunha memoria explicativa de case 800 páxinas que presentará diante da Secretaría de Estado de Turismo. “Sería un gran éxito para todo Boqueixón e, sobre todo, para a parroquia de Lestedo”, apuntou Ovidio Rodeiro, quen afirmou que “a Festa da Filloa cumpre con todos os requisitos para ser declarada Festa de Interese Turístico Nacional: antigüidade, continuidade no tempo, arraigo, valor cultural, difusión, accións promocionais”.

Dende Veciños de Boqueixón pediron deixar sobre a mesa a cuestión xa que non tiveran tempo de ler as case 800 páxinas da memoria, ao que o voceiro do grupo de Goberno, José Manuel Iglesias, lembrou que “este é un trámite administrativo: o Concello apoia a petición da Asociación Cultural da Filloa. Hai unha documentación técnica de case 800 páxinas e non poñemos en dúbida que está completa e que reflexa o que é a Festa da Filloa de Lestedo”. Polo que non tiña sentido atrasar a decisión no tempo, xa que o que se debatía era o apoio á petición da Asociación Cultural da Filloa, non o contido do informe.

A Festa da Filloa de Lestedo celebrou en 2023 a súa edición número corenta, na que congregou no seu Día Grande a máis de 40.000 persoas que degustaron máis de 50.000 filloas. Unha festa de Interese Turístico de Galicia desde o 25 de febreiro de 2008 que comparte Día Grande con outra Festa de Interese Turístico de Galicia: Os Atranques dos Xenerais da Ulla.

Unha das festas máis senlleiras de Galicia que cada ano vai innovando e incorporando novos elementos, tales como a Festa da Filloíña ou o Filloa Folk en 2023 ou como o concurso fotográfico “Filloarte”, os showcookings ou as degustacións pola contorna, que fan que a programación da Festa da Filloa de Lestedo se alongue máis dunha semana.

Conta xeral

Por outra banda, o Pleno acordou, cos votos a favor do grupo de Goberno e a abstención de Veciños de Boqueixón, render a Conta Xeral de 2022 diante do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. De feito, a necesidade de enviar a documentación antes do 15 de outubro foi o que motivou a convocatoria do pleno extraordinario.

O voceiro do grupo de Goberno e concelleiro de Facenda, José Manuel Iglesias, destacou que “a Conta Xeral de 2022 recolle que a economía do Concello de Boqueixón conta cunha situación saneada e positiva, cun resultado orzamentario positivo de 488.038 euros, un remanente de tesourería de 2.195.900 euros e unha débeda bancaria cero. É dicir, non lle debemos nin un euro a ningunha entidade bancaria”.

Iglesias explicou que “esta situación totalmente saneada permitiunos investir en actuacións para a mellora de servizos e infraestruturas como a cubrición dos parques infantís de Lestedo e Camporrapado, a mellora de estradas como de Ardarís a Rubial ou de Casalpegito á Moa, comprar un punto limpo móbil, mellorar a ruta de sendeirismo entre Donas e Gundián…”.